A Academia asina un convenio de colaboración con ASECIC

A Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e a Asociación Española de Cine e Imagen Científicos (ASECIC)  asinaron onte luns, 25 de xuño,  un convenio marco de colaboración. O acordo, que terá unha vixencia dun ano prorrogable, foi subscrito polos presidentes da Academia e ASECIC, Enrique González Macho e Mariano Cebrián Herreros, respectivamente.
O establecemento das bases dunha colaboración entre as dúas entidades para desenvolver unha serie de accións “que supoñan un apoio mutuo e recíproco para a consecución dos fins de ambas, especialmente en materia científica, técnica e educativa”, é o obxectivo desta alianza, na que ambas institucións recoñecen a ciencia como espazo de coñecemento que abrangue “as ciencias naturais,  físicas, biolóxicas e da terra, biomédicas e da enxeñaría e das ciencias sociais e humanas”.
Interesada en ampliar a presenza do cine científico, técnico e educativo nas actividades de difusión, promoción, investigación e divulgación, a Academia contará co amplo fondo documental de  ASECIC, que agrupa a autores, produtores e técnicos especializados neste cine e científicos que utilizan a arte cinematográfica para rexistrar o seu traballo. Coa sinatura deste convenio, a Academia  dará a coñecer o cine científico aos académicos, profesionais e ao público en xeral, e ampliaranse as perspectivas dos cineastas promovendo a creación cinematográfica neste campo de contido e expresión.

Comparte: