Directores de series analizarán a evolución da ficción española nun foro da Fundación Araguaney

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas inicia este ano unha nova liña de traballo dedicada a analizar a situación actual do sector audiovisual no país e a rápida expansión da profesión en Galicia, mediante a celebración de coloquios e conferencias. Abrirá esta nova etapa cunha charla-coloquio sobre a ficción española, titulada “Pasado, presente e futuro da TV en España. A ficción emerxente”, coa que colabora o Clúster Audiovisual Galego. Será o vindeiro 5 de febreiro, ás 20 horas, no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney de Santiago.
 
Nesta primeira cita intervirán os directores e guionistas Carlos Sedes ("Las chicas del cable", "Fariña", "Velvet", "La Embajada"), Jorge Sánchez-Cabezudo ("La Zona", "Gran Hotel", "Velvet", "Víctor Ros") e Alberto Rodríguez ("La Peste", "La isla mínima", "El hombre de las mil caras") , e o director de Antena de laSexta, Mario López, que exercerá como moderador.
 
A charla servirá para debater a evolución da ficción española nos últimos vinte anos e o nacemento das plataformas de televisión por Internet. A produción e consumo de series de ficción en España sufriu unha gran transformación nos últimos anos. As cadeas están obrigadas a producir series de gran calidade capaces de cativar a millóns de espectadores. A chegada de novas plataformas revolucionou a maneira de consumir contidos, o seu proceso creativo e a produción. A produción española de series para plataformas  pon de manifesto o potencial do audiovisual español a nivel internacional. Supón unha ameaza para as canles en aberto, ou a oportunidad dun novo modelo para a coprodución? Este e outros temas analizaranse o vindeiro día 5 en Santiago.
 
A asistencia a este foro é libre, previa confirmación no mail inscripciones@araguaney.com. Aforo limitado.

Comparte: