O Clúster Audiovisual organiza un Curso monográfico de inglés audiovisual

O Clúster Audiovisual Galego organiza un Curso monográfico de inglés audiovisual dirixido aos profesionais do sector audiovisual que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexan potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais. O curso celebrarase na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela entre os meses de febreiro e abril de 2018. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 22 de xaneiro.
 
A través desta acción o alumnado (actores, directores, produtores, guionistas, técnicos, axentes de vendas internacionais e outras persoas empregadas no sector audiovisual), preferiblemente cun nivel lingüístico intermedio e intermedio-alto, adquirirá ou mellorará o seu nivel de competencia (oral e escrita) na expresión de certos aspectos específicos da lingua inglesa, que lles permita desenvolverse en situacións coas que se poidan atopar no seu ámbito profesional.
 
Esta acción formativa será impartida por profesores da Escola Oficial de Idiomas con experiencia en docencia en inglés audiovisual. O curso terá unha duración de 45 horas e impartirase todos os venres do 2 de febreiro ao 6 de abril, en horario de 16.00 a 21.00 horas. Nesta acción o Clúster conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape.
 
Na Convocatoria encontrarás información sobre a metodoloxía, os contidos e o custe do curso. Para formalizar a inscrición neste curso é necesario enviar o formulario cuberto a proxectos@clag.es. O prazo está aberto ata o 22 de xaneiro de 2018. As prazas son limitadas.
 

Comparte: