O Clúster Audiovisual organiza un Curso sobre efectos especiais con fotogrametría e escaneado 3D para cine, televisión e publicidade

O Clúster Audiovisual Galego organiza un curso sobre “Efectos especiais con fotogrametría e escaneado 3D para cine, televisión e publicidade”, que se celebrará na Coruña do 11 de maio ao 15 de xuño, todos os venres en horario de 9 a 14 horas. 
 
Ofértanse 9 prazas, dirixidas a traballadores en activo de empresas con centro de traballo ou domicilio social en Galicia, tendo prioridade aqueles pertencentes a pemes do sector audiovisual e os asociados do Clúster Audiovisual.
 
O obxectivo principal que se pretende acadar con esta formación é que os asistentes aprendan cando e como utilizar as técnicas de fotogrametría simple ou combinada de modelado tradicional. Unha vez finalizado o curso, os alumnos estarán en disposición de realizar os seus escenarios en 3D para cine e publicidade tras realizar un proxecto completo a través da parte práctica do curso. 
 
A formación está orientada a técnicos 3D, directores artísticos, profesionais de VFX e freelances do sector da creación de contidos dixitais interesados nas contornas 3D interactivas para producións audiovisuais, é dicir, para aqueles postos mais técnicos da industria audiovisual que requiren ter uns coñecementos profundos sobre a fotogrametría e escenarios 3D. Asemade, os asistentes deben contar con experiencia previa en software 3D a nivel básico e contar con coñecementos sobre fotografía para poder seguir o contido da formación.
 
O curso será impartido por Manuel Meijide. director de ILUX Visual Technologies; Roberto Romero. fundador e CTO de Future Lighthouse; Luís Rivero, fundador e director creativo de Urban Simulations, e Andrea Gutiérrez, project supervisor de Urban simulations.
 
Para inscribirse é necesario enviar o formulario cuberto e o xustificante de pagamento da cota correspondente a proxectos@clag.es. O prazo de inscrición está aberto ata o 2 de maio.
 
Programa e máis información na Convocatoria.

Comparte: