O Clúster Audiovisual participa na presentación de resultados do Plan Bienal 2015-2016 e avance de actuacións en materia de Industria 4.0

O Clúster Audiovisual Galego participou hoxe en Santiago de Compostela, xunto a representantes dos prinicipais clústers galegos, na xornada Presentación de resultados do Plan Bienal 2015-2016. Avance de actuacións 2017-18 en materia de Industria 4.0, organizada polo Igape e que contou coa participación do conselleriro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen invitou aos clústers a seguir colaborando coa Xunta para facer da Industria 4.0, da innovación e do emprego cualificado o sinal de identidade de Galicia. 
 
Conde explicoulles aos asistentes que "tras a experiencia destes dous anos queremos identificar novas medidas para avanzar na modernización do noso tecido produtivo, na mellora da competitividade e na creación de máis emprego de calidade. A economía do coñecemento precisa unha industria máis moderna que incorpore as novas tecnoloxías”.
 
Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 se aprobou en maio de 2015 co obxectivo de impulsar a modernización do tecido produtivo galego, tendo entre os seus retos a creación de 50.000 empregos na industria. Durante os dous primeiros anos impulsáronse accións por 143 millóns de euros, un 19% máis do previsto inicialmente, que beneficiaron a 4.200 empresas, creáronse 11.500 empregos industriais e mobilizáronse 342 millóns de euros.
 
Segundo informou Conde, durante os vindeiros dous anos, a Xunta destinará máis de 175 millóns de euros a esta Axenda, un 22% máis que no período anterior, co obxectivo de poñer en marcha máis dunha trintena de accións que se completarán coas propostas de representantes do sector industrial galego.
 
Conde salientou que este mes o Consello da Xunta vén de aprobar a segunda convocatoria do programa para impulsar a Industria 4.0 entre traballadores e mandos intermedios de empresas por medio de accións formativas. A iniciativa, cun orzamento de 700.000 euros chegará a 1.000 persoas.
 
Finalmente o conselleiro animou a empresas, clústers e centros tecnolóxicos a traballar de forma conxunta coa administración no avance da Industria 4.0 para facer de Galicia unha terra de oportunidades. “Galicia é pioneira e está na vangarda da Industria 4.0. O obxectivo é espallar esa cultura 4.0 tamén entre as pemes galegas para que o tecido produtivo se poida modernizar e actualizar e así conseguir que Galicia poida competir neste novo paradigma”.

Comparte: