O foro Conecta Fiction, co que colabora o Clúster Audiovisual, amplía o prazo para inscribir proxectos e anuncia colaboración con Séries Mania 2017

O foro de coprodución para series e miniseries de ficción ampliou o prazo de inscrición de proxectos ata o 30 de abril. Conecta Fiction, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 21 e 23 de xuño, seleccionará dez proxectos en busca de financiamento para que sexan presentados nunha xornada de pitching diante dun panel de inversores e executivos de adquisicións. Ademais, o foro Conecta Fiction, promovido pola Xunta de Galicia, a través da Agadic, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE e co que colabora o Clúster Audiovisual, vén de anunciar, así mesmo, a súa colaboración coa oitava edición do festival Séries Mania 2017, que se celebra ata o 21 de abril en París.
 
Neste caso, a colaboración materialízase na organización o vindeiro día 18 dun dos paneis do festival francés, que estará moderado por Géraldine Gonard, directora de Conecta Fiction, para abordar os retos de adaptar a Europa formatos televisivos en español. A través de exemplos concretos, os participantes describirán como desenvolver un proxecto deste tipo, fomentando a coprodución e analizando a reacción das audiencias europeas.
 
Este será, de feito, un dos eixos de traballo de Conecta Fiction, que bota a andar este ano como primeiro encontro de coprodución entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos de fala hispana, e onde Séries Mania tamén estará presente no marco do programa de conferencias. Tal e como xa anunciamos, entre as alianzas estratéxicas para o desenvolvemento en Santiago de Compostela desta cita internacional destacan igualmente as colaboracións con RTVE e Movistar+.
 
Elección de 10 proxectos
 
A organización acaba de anunciar, así mesmo, a ampliación ata o 30 de abril do prazo de inscrición de proxectos de series e miniseries a través de www.conectafiction.com. De entre todas as recibidas, un comité internacional seleccionará as 10 propostas que participarán no pitching de coprodución. Ademais, Movistar+ elixirá un destes proxectos finalistas para ofrecerlle un contrato de desenvolvemento.
 
Esta será unha das actividades centrais do programa profesional de Conecta Fiction, que ofrecerá outra serie de accións de formación e ‘networking’ encamiñadas á presentación e ao estudo de propostas cara á negociación e o peche de acordos de coprodución. O rexistro para empresas e profesionais interesados en participar tamén está aberto a través da web, cun desconto especial para as inscricións que se realicen ata o 30 de abril.
 
Conecta Fiction, que arrancará cun acto de apertura na noite do 20 de xuño, reunirá na Cidade da Cultura e noutros espazos de Compostela os responsables dunhas 60 cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia en América e Europa interesadas en investir en coproducións, como HBO, Telefe, Fox LATAM, Univisión, Arte, Mediaset Italia, Fox Europa ou TF1 de Francia.
 

Comparte: