Portocabo e Atlantique Productions desenvolverán a serie "Hierro", coa participación de Movistar+ e ARTE France

A produtora socia do Cluster Audiovisual que lidera Alfonso Blanco, Portocabo, e a francesa Atlantique Productions, compañía de Lagardère Studios, veñen de anunciar a súa alianza para poñer en marcha a serie da produtora galega "Hierro". Este thriller de oito capítulos de 52 minutos está escrito por Pepe Coira, Coral Cruz e Araceli Gonda, e a súa gravación está prevista para comezos de 2018.
 
"Hierro" convértese así na primeira coprodución para unha serie de ficción entre España e Francia. Alfonso Blanco, de Portocabo, e Olivier Bibas e Jimmy Desmarais, de Atlantique Productions, serán os produtores da serie, que xa conta coa participación de Movistar+ de España e de ARTE desde Francia.
 
O noso socio Alfonso Blanco amosouse “moi contento de anunciar que "Hierro" se pon en marcha con socio de primeira, ademais faime especial ilusión facer o anuncio durante Séries Mania, foro no que o proxecto se presentou despois de alzarse vencedor no pitch da Berlinale”.
 
Sinopse
 
Un corpo sen vida e con signos de violencia aparece na illa canaria de Hierro. Díaz, un empresario local sombrío, é enviado a prisión como principal sospeitoso. Candela, unha xuíza con temperamento e relegada á illa, toma a decisión de liberar a Díaz baixo fianza, unha acción moi impopular que desperta a desconfianza no territorio. Candela manterase firme na súa obriga mentres Díaz sae para probar a súa inocencia e averiguar quen lla xogou. Así comeza un camiño físico e emocional cara o inferno.

Comparte: