Santiago acollerá o día 14 o acto de presentación da nova temporada da serie de ficción "Luci"

A Televisión de Galicia emitirá nos vindeiros días a nova temporada da serie de ficción "Luci", unha produción do noso asociado Portocabo. Pero antes, o vindeiro mércores, día 14 de xaneiro, a canle autonómica celebrará un acto de presentación da nova temporada no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela.

 

Dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Nuncy Valcárcel, “Luci” é unha comedia pegada á realidade, cunha factura preto do documental, unha serie que ten na proximidade co espectador o seu argumento principal. A serie producida para TVG por Portocabo non só acadou unha moi boa acollida da audiencia galega na primeira temporada, senón que atraeu desde os seus comezos ao mercado internacional.

 

Ao acto de presentación da nova temporada, que dará comezo ás 19.00 horas co photocall e continurá ás 19.30 coas proxeccións, asistirá o equipo de produción da serie e personaxes da televisión, pero tamén está aberto a todos os que queiran asistir, dentro dun aforo limitado. Segundo informa a produtora, os interesados deben solicitar a invitación no mail rrpp@crtvg.es, ata o luns 12 de xaneiro, indicando os nomes das persoas que van asistir.

 

 

Comparte: