A TVG foi a única canle autonómica líder de audiencia na súa comunidade durante a Semana Santa

A Televisión de Galicia (TVG) foi a canle máis vista en Galicia en Semana Santa e a única autonómica líder de audiencia na súa comunidade. Durante o período de vacacións comprendido entre o xoves e o domingo, acadou un share de 11,8% e foi o único medio da FORTA que logrou superar a barreira do 10% de cota de pantalla.
 
Ademais, a Televisión de Galicia consolidou durante a Semana Santa o seu liderado entre as canles autonómicas, xa que, cun 10,7% de share no acumulado anual, sitúase por riba de TV3 en tres décimas. 
 
Segundo os datos do informe elaborado pola consultora audiovisual Barlovento comunicación, Antena 3, que foi a canle máis vista no conxunto do Estado cun 11,3% de cota de pantalla, superou tamén os seus competidores en Cantabria, A Rioxa, Andalucía, Castela-A Mancha, Valencia e Cataluña. La1 foi a máis vista en Castela e León, Murcia e Navarra; Tele 5 tivo o liderado en Asturias, Illas Canarias e Estremadura, e a televisión de pagamento foi a que tivo máis audiencia en Madrid, Euskadi, Aragón e as Illas Baleares.
 
O medio público galego liderou o venres cun 11,6% de cota de pantalla; o sábado, cun 12,3%, e o domingo, cun 11,7%. Tamén logrou colocar catro dos seus programas na táboa clasificatoria dos máis vistos, entre os que sempre se atopan os dous máis destacados por xornada.
 
Na franxa da mediodía, distintos espazos informativos da Televisión de Galicia mantiveron o liderado. O "Telexornal Mediodía" das 14.30 h. foi o máis visto polos galegos de mércores a domingo, logrando superar en varias ocasións o 30% de cota.

Comparte: