A auténtica revolución que está a vivir a industria audiovisual abre un futuro de incalculables horizontes para a concepción de novos modelos de negocio. Na actualidade, o progreso tecnolóxico vai moi por diante da xeración de contidos e moitas veces os soportes non atopan a viabilidade económica no mercado pola escaseza de produtos e servizos de valor. Por esta razón, o CLAG considera esencial que a I+D+i do audiovisual galego preste unha especial atención ao talento e ás ideas que usan a tecnoloxía para crear novas oportunidades e reformular o sistema de produción de contidos e as súas canles de explotación. É necesario compasar a creación de contidos ao desenvolvemento tecnolóxico, porque Internet ten posto en evidencia que os contidos son unha materia prima exportable a moi diversos soportes.