O CLAG asiste á XIV edición de Cartoon Movie, en Lyon, cunha delegación de tres empresas galegas
As empresas Abano Producións, Ficción Producciones e Perro Verde Films conformaron a delegación do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) que viaxou a Lyon, en Francia, para participar na 14 edición de Cartoon Movie, o foro europeo de coprodución que abriu as súas portas do 7 ao 9 de marzo de 2012. O CLAG contou co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
A presenza en Cartoon Movie permitiulles ás empresas do audiovisual galego estar ao tanto de todo o que está sucedendo arredor do cine de animación en Europa. Neste foro os participantes poden encontrar desde proxectos en concepto ata traballos completamente finalizados. Ademais, os asistentes puideron coñecer as últimas tendencias e vela situación do mercado, ademais de conseguir importantes contactos tanto de posibles coprodutores como de vendas internacionais. Nas últimas edicións do Cartoon Movie estanse incorporando as novas tecnoloxías e aplicacións que complementan o sector da animación.
Delegación CLAG
As empresas que integraron a delegación do CLAG presentaron os seus traballos en Cartoon Movie en busca de diferentes obxectivos. En concreto, Perro Verde Films acudiu con “Arrugas”, película seleccionada para abrir a presente edición do foro europeo o día 7 de marzo. Producida por Perro Verde Films, Cromosoma e Elephant in the Black Box, esta tenra e emotiva mirada á vellez reflicte unha das actuais tendencias da animación europea, onde o cine de animación dirixido ao público adulto continúa gañando terreo.
Estreado comercialmente en España a finais de xaneiro, o filme presentouse ante uns 700 profesionais do sector de toda Europa. Arrugas acaba de ser galardoada con dous Goya á Mellor película de animación e ao Mellor guión adaptado. Tamén foi nomeada aos Annie Awards como mellor película de animación e preseleccionada aos Oscar na categoría de mellor película de animación.
Abano Producións asistiu ao Cartoon Movie coa película “A Tropa de Trapo na selva do Arco da Vella”, un grupo de pequenas mascotas sinte a necesidade de axudar a outros animais con moitas dificultades para sobrevivir, polo que decide saír nunha misión solidaria que lles levará ata o Val do Arco da Vella. Terán que facer acopio do seu enxeño, coñecemento e traballo en equipo para salvar a un Arcoíris, que é o símbolo de non ter que facerse nunca grande.
Ficción Producciones, compañía que nace en maio do 2003 con clara vocación pola produción audiovisual tecnoloxicamente innovadora, presentou Tutu!, proxecto transmedia preescolar, baseado no concepto de entretemento educativo, que engloba diversas liñas de produto (serie de animación para televisión, web, apps e videoxogos, liña editorial e merchandising) e Meñique, longametraxe de animación que adapta libremente o conto Pulgarcito, actualmente en preprodución.
XIV Cartoon Movie
No 14º Cartoon Movie presentáronse 55 novos proxectos de películas de animación en fase de concepto, desenvolvemento, produción ou xa completados de 18 países, cinco deles con participación española, cun orzamento global de 382 millóns de euros. Asistiron ao evento máis de 700 profesionais, incluíndo unha cifra récord de 100 distribuidores, ademais de produtores, compradores e investidores de 34 países, co obxectivo de favorecer o financiamento, coprodución e distribución de ditas obras.
Desde a organización destacaron da edición deste ano o crecente papel das películas para audiencias adultas, e a diversidade de técnicas empregadas. O 40% dos proxectos eran en 3D estereoscópico, máis do dobre que en 2011. Por vez primeira, celebrouse en paralelo o Cartoon Games. Tivo lugar o 7 de marzo, e albergou 250 encontros one-to-one entre 17 compañías de videoxogos e 40 produtores de animación, con vistas a favorecer a cooperación entre ambas industrias.